segunda-feira, 30 de abril de 2012


Xantar Fraternal Unitario, Obreiro e Popular do 1º de Maio


Estimadas comañeiros e compañeiras:

Hai uns días convidabamos a participar nun Xantar Unitario o 1º de Maio, no Parque Pablo Iglesias de Ferrol, máis as previsións meteoroloxicas para mañá non axudan para poder quedar-se no citado parque despois das manifestacións. Neste momento está enchoupado e para mañá dan a seguinte predición: "Ceos anubrados con chuvascos, máis probables e frecuentes pola mañá. Temperaturas mínimas sen cambios significativos e máximas en moderado ascenso. Vento moderado do sur durante toda a xornada". Pois a non ser que estas prediciións estexan equivocadas e "faga un sol de carallo", imos celebrar o Xantar de 1º de Maio, no noso Centro Social, en Caranza, na  Rúa Alcalde Quintanilha, L-3 Local nº2 Praza do Anfiteatro da Unidade Veciñal 2. Pois o local é amplo e ten diante uns soportais de máis de 300 metros cadrados. Non é o mesmo máis quen se anime alí estaremos.
-----

sexta-feira, 27 de abril de 2012

Xantar Fraternal Unitario, Obreiro e Popular do 1º de Maio, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol



Xantar Fraternal, Obreiro e Popular do 1º de Maio, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol

Chamamos a participar neste acto fraternal e unitario despois de celebradas as manifestacións obreiras que transcorrerán polas rúas de Ferrol



Estimadas compañeiras e compañeiros:

Na Asemblea da nosa asociación do pasado 4 de Abril, valoramos como moi importante a necesaria unidade de todas e todos para afrontar esta situación de estafa continua por parte de políticos corruptos e banqueiros que nos rouban dereitos e emprego, saúde e educación, que precarizan o traballo ou nos condenan ao paro obreiro, que nos pretenden empobrecer aínda máis e condenar á miseria. As persoas que somos parte da nosa asociación, pertencemos a diferentes sindicatos e sabemos, na prática, que é posíbel a convivéncia, e moi necesarias: a fraternidade, a unidade e as loitas conxuntas polo fundamental. A nosa principal actividade está centrada no eido cultural, na música, na gastronomía en a recuperación e promoción das festas populares e tradicionais (O Magosto e Samaim, O Antroido, Chamorro, 1º de Maio, Os Maios, as Nosas Letras, a Lumeirada), mais non por iso deixamos de participar e contribuír como sabemos e podemos na loita social por un mundo mellor, pola xustiza global e a solidariedade. É por iso que formamos parte de plataformas como 'Queremos Galego' ou '... pola Defensa da Sanidade Pública', ou da loita contra Planta Gas, do 'Encontro Social de Ferrol Terra', ou mesmo apoiando aos inmigrantes, ao 'Colectivo Lazos Pro Solidariedade - Comité AntiSida', ou a asociación 'Solidariedade Galega co Pobo Saharauí', ... Foi por isto polo que na citada Asemblea acordamos dirixirnos ao conxunto dos responsábeis das centrais sindicais que actúan na Comarca nos seguintes termos:

PROPOSTA

A atención das compañeiras e compañeiros [Sigla da Central Sindical]

Estimadas compañeiras e compañeiros:

Esta mesma carta vai dirixida ás centrais sindicais CCOO, CIG, CNT-AIT, UGT e USTG.

O 1 de Maio está mundialmente recoñecido como o día internacional da loita do movimento obreiro polos dereitos laborais, ... e pola súa emancipación do xugo do Capital. En todos os países do mundo a Clase Traballadora sae á rúa para reivindicar os seus dereitos laborais inmediatos, manifestar a solidariedade internacionalista coas traballadoras e traballadores que máis directamente están padecendo a agresión Capitalista, contra a guerra imperialista, pola cultura da Paz, ... para rexeitar o actual modelo produtivo, na actualidade, consecuencia da globalización neoliberal, reclamando un outro modelo social xusto, democrático, solidario, diverso, igualitario e fraternal, oposto ao modelo ditado polo capitalismo transnacional e financeiro, que non é mais que unha 'ditadura dos mercados' que só xera guerras, violencia, masas de desempregados, perda de dereitos e máis pobreza.

Non queremos disertar máis do que xa coñecedes a fondo, só queremos un pouco de reflexión colectiva. Sabemos que é difícil a unidade sindical, aínda que nos piquetes da última folga xeral do 29M demostramos que era posíbel, de todos os xeitos, a noso pesar, as diferencias na política sindical impiden un 1 de Maio unitario. Mais o que pedimos é unha reflexión sobre o que desde 1889 forma parte da conciencia colectiva da Clase Obreira: a unidade de Clase contra o Capital. De como podemos, nesta Comarca, deixando ao marxe as diferencias, manter a unidade, como así vemos que é posíbel no sector naval, na administración, ... nos piquetes do 29M.

Historicamente o 1 de Maio é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe a todas as persoas torturadas, encadeadas, asasinadas no transcurso da loita obreira polas conquistas e dereitos, laborais, sociais e políticos. Mais non deixa de ser unha festa obreira onde nos recoñecemos e confraternizamos, polo que propomos a vosa central sindical que convoque á afiliación a un xantar fraternal no Parque Pablo Iglesias de Ferrol (situado entre a Avenida d'As Pías, a Rúa Nova de Caranza e os institutos do barrio de Recimil), non fai falta poñer-se de acordo, só hai que convocar nun mesmo lugar onde reunir-nos, cada quen que leve o seu xantar, quen queira que poña un toldo ou non. Pensamos que o parque reúne todas as condicións para ser un lugar onde pasar unha boa tarde despois das manifestacións, onde a Clase Obreira desta Comarca recupere o seu espazo unitario nun xantar popular e colectivo. Hai espazo suficiente, para xantar, para xogos, para a música, para as palestras, para os postos de difusión de materiais e venda de libros.

Animamos-vos a reflexionar sobre esta posibilidade, fagamos tamén deste día unha xornada de confraternización quedan moitos días de loita conxunta en defensa e pola conquista dos nosos dereitos e a liberdade.

Viva o 1º de Maio !  Viva o Internacionalismo Proletario !  Viva a Loita da Clase Traballadora !
Viva a Solidariedade Obreira !  Viva a unidade da Clase Traballadora !

Caranza, 17 de Abril de 2012

No nome da Asemblea do Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
Daniel Melcón  e André Martínez Ces

Centro Social d'A Revolta | Rua Alcalde Quintanilha | L-3 Local nº2 - Praza do Anfiteatro das Rosas | Caranza | 15406 Ferrol - Galiza | Telefone do Coordenador do Colectivo: 605 455 340 [André]


CONVITE

Os noso compañeiros desprazaron-se a cada local social dos diferentes sindicatos para falar en persoa cos seus responsábeis que de entrada se mostraron receptivos coa iniciativa, mais polo que intuímos e sabemos, non cremos que a vaian secundar, mesmo a CIG decidiu apoiar unha iniciativa da plataforma 'Queremos Galego' de facer unha churrascada no Cantón onde remata a manifestación deste sindicato. Cando mesmo o podía facer dun xeito unitario no Parque 'Pablo Iglesias'. A nosa asociación segue mantendo a iniciativa de que fagamos entre todos e todas ese Xantar Fraternal, Obreiro e Popular do 1º de Maio, no 'Parque Pablo Iglesias' de Ferrol e por iso polo que vos chamamos a participar neste acto fraternal e unitario despois de celebradas as manifestacións obreiras que transcorrerán polas rúas de Ferrol.