domingo, 15 de janeiro de 2017

A Revolta decidimos, xunto a outros doce colectivos e organizacións de Ferrolterra convocar unha Concentración no marco da Acción Internacional contra o CETA que vai ter lugar o Sábado 21 de xaneiro. A mobilización, nesta Comarca, vai ter lugar ese mesmo día ás 12 do mediodía, no Cantón, nas inmediacións do Palco da Música. Consistindo nunha Concentración onde interviran representantes das organizacións e colectivos convocantes.


FERROLTERRA NA ACCIÓN INTERNACIONAL CONTRA O CETA
Sabado 21 de xaneiro, ás 12 do mediodía no Cantón.
(Nas inmediacións do Palco da Música)

O próximo 24 de xaneiro o CETA, O Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá será votado na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo; os movimentos populares de resistencia a este tipo de acordos, convocan mobilizacións en todo o territorio europeo, o día 21 de xaneiro, para incidir sobre a votación do Tratado en febreiro, e conseguir que non se aprobe.

O CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade civil, tanto na Unión Europea como en Canadá por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e os dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian Estados Unidos e a Unión Europea.

O CETA autorizaría a miles de corporacións a demandar aos gobernos por adoptar medidas lexítimas e non discriminatorias para a protección da poboación e do planeta a través dun sistema de resolución de conflitos inversor-estado (ICS) de acceso exclusivo aos inversores estranxeiros. Un auténtico sistema legal paralelo ao que as corporacións poden acudir para defender os seus dereitos eludindo os tribunais existentes, e ao que nin as organizacións da sociedade civil nin as empresas nacionais teñen acceso.

O CETA limita seriamente a capacidade dos gobernos para crear, expandir e regular os servizos públicos, para revertir liberalizacións e privatizacións fracasadas.

O CETA fai que Canadá e a Unión Europea sexan máis vulnerábeis ás crises financeiras posto que se producirá unha maior liberalización dos mercados financeiros.

Un estudo independente dos impactos económicos do CETA predice que se perderán postos de traballo tanto na Unión Europea como en Canadá, e que os pequenos beneficios do tratado seran fundamentalmente para os donos do capital, co consiguiente aumento da desigualdade.

O CETA podería aumentar o custo das prescripcións de medicamentos e impactaría negativamente en dereitos fundamentais como o dereito á privacidade e á protección de datos. Tamén limitaría a capacidade tanto da Unión Europea como de Canadá de actuar contra patentes excesivas.

En ambos lados do Atlántico, o CETA expoñería ás agricultoras a unhas presións competitivas que minarían o seu modo de vida, obstruiría as políticas de compra pública de alimentos locais, e ameazaría os estándares de produción e procesamiento de alimentos, facendo imposíbel o desenvolvemento dunha agricultura sostíbel.

As medidas de precaución para protexer aos consumidores, á saúde pública e ao medio ambiente poden ser postas en cuestión polo CETA, xa que nin no texto nin nas declaracións anexas se protexe explícitamente o do principio de precaución na política regulatoria europea.

STOP CETA !
NA DEFENSA DOS POBOS E DO MEDIO AMBIENTE !
NON Á DITADURA DAS GRANDES CORPORACIÓNS TRANSNACIONAIS

Colectivos que polo de agora convocan:
(Aberto á incorporación de máis colectivos)
Actualizada 15.01.2016 10:12hs

- A REVOLTA DE TRASANCOS COLECTIVO SOCIOCULTURAL.
- ASOCIACIÓN GALEGA CONTRA O MALTRATO A MENORES - AGAMME.
- BLOQUE NACIONALISTA GALEGO -BNG.
- DECIDE EN COMÚN.
- ESQUERDA UNIDA -EU.
- FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN.
- FUCO BUXÁN A.C.
- GRUPO DE CONSUMO FONTE DA UZ.
- MARCHAS DA DIGNIDADE FERROLTERRA.
- MUIÑO DO VENTO ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL.
- STOP DESAFIUZAMENTOS DA REDE DE APOIO MUTUO DE FERROLTERRA.
- MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES.
- LIGANDO.
- ESPAZO ECOSOCIALISTA.
___