sábado, 12 de julho de 2008

Entrevista a Mercedes Peón: "A tradición é o máis libre que hai"

Luces
"A tradición é o máis libre que hai"
A cantante, gaiteira e percusionista coruñesa Mercedes Peón fala da necesidade de atopar un oco natural para a difusión da música de raíz. Síntese agasallada. "É o premio máis lindo que me podían dar", confesa.

ÓSCAR IGLESIAS
EL PAÍS - 11-07-2008

Coñecímola por Luar, pero houbo un ano no que a canle especializada da BBC só programou dous concertos en directo e un era o dela. No tren ou a dedo, Mercedes Peón (A Coruña, 1967) tripou o país durante vinte anos recollendo a danza e a música da xente. Aínda lembra o trance que supoñía partir dun determinado código "e deixarse ir". Co seu terceiro disco (Sihá) na rúa, parece superada a sorpresa que supuxo escoitar, entrado o século, unha música que mesturaba loops con sachos e legoñas tocados con pedras e tixola batente sobre lata de picante.

P. Como se sente?

R. Pareceume unha aposta moi arriscada por parte do xurado porque tamén o meu discurso e a miña música son arriscadas... Síntome moi agasallada e recoñecida. E encantoume: estou farta de que na propia Galiza me digan se non creo estar máis valorada fóra que dentro. Agora xa ninguén pode dicirme iso.

P. Disque se fixo galegofalante estando de campamento en Bergantiños. Como foi?

R. Eu falaba castelán na casa e castrapo na aldea. Pero no meu instituto de Monelos houbo un día un debate, en plan galego si, galego non. Esa, alá por 1980, foi a miña primeira conmoción. Entón fíxenme galegofalante ao 100%. O que provocou que empezase a falar galego foi o amor polos avós e por un debate estúpido. Nesa mesma época estaba de acampada na aldea de Imende, en Baldaio, e vin a unhas rapazas da miña idade coller unha pandeireta e tocar unha ribeirana. Iso foi un antes e un despois para o meu leitmotiv de vida.

P. Vinte anos tripando o país cunha gravadora dan para moito...

R. Bótalle 2.000 casetes, das que espero rescatar a metade. Era moi nova e aínda non sabía nada de antropoloxía, pero situábame nun punto, saía ata Carballo, por exemplo, e ía abrindo unha espiral facendo comparacións, preguntándolle á xente ata onde chegara e que influenzas tiña. Xa despois facía enquisas pautadas e distribuíaas. Achei cousas curiosísimas: traxes súper raros, homes con melena e barba en 1910... Alí estaba a rabela, por exemplo, un baile totalmente esquecido, por moito que despois o reinventase a Sección Feminina.

P. Que distinguía aquela música?

R. Galiza é o único lugar de Europa onde temos todo vivo. Hai que distinguir entre tradición e tradicionalismo: a tradición é libre, non estática. Evoluciona cara un mesmo sentido con cambios insensibles, todo o mundo aporta. En Galiza está a tradición viva, está o folclore, cos grupos que están representando a nosa terra baseándose, ou non, na música e na danza tradicional. E logo está a música folk, onde parece que entra todo o mundo. Hai que ter moito tino. Alguén que imite o que escoita nas aldeas e suba a un escenario e diga que é música tradicional... Iso é unha performance de música tradicional.

P. Hai xeito de limitar a perda da transmisión oral?

R. O oral está no rural, e o rural desaparece... A proposta que tracexei é xuntar a maiores e pequenos. E son os concellos os que deben dinamizar iso. Hai outras iniciativas que tamén deberían ser apoiadas, porque falamos de miles de persoas recollendo música nas aldeas desde os anos 80: están censados 10.000 gaiteiros, outros tantos bailadores, 3.000 pandereiteiras... Outra experiencia marabillosa sería facermos carpas itinerantes e incentivar ese tipo de festas. Pero a clave é asociármonos para que todo iso teña un sentido real nas cidades.

P. Tería sentido algo coma o Centro Andaluz do Flamenco?

R. Pero é que o flamenco non é tradicional; a tradición alí perdéuselles. Iso non é música tradicional, senón tradicionalista. É como chamarlle tradicional ás bandas ou aos cuartetos de gaitas. A gaita tocábaa un gaiteiro só cun tamboril, unha pandeireta e un bombo se o había, e sempre tiña que ter relación co baile.

P. Entón que se pode facer?

R. Aparte do ensino, o máis importante é conseguirmos que a sociedade teña un oco natural para estas cousas. Todo o que sexa museístico... Está xenial, pero non é o máis dinámico, e cómpre dinamizar a tradición. Se unha cultura e un idioma teñen que morrer, que morran, pero que non sexa porque nos acabamos a nós mesmos.

P. Experimentos coa música electrónica había, pero ata Isué aínda ninguén integrara loops e música tradicional.

R. Non sei se fun a primeira... Niso tería moito que ver Nacho Muñoz, que xa traballaba comigo daquela. O concepto de loop tamén ten moito que ver coa percusión, e eu son percusionista. O transo ao que podes chegar coa repetición... A min encántame a música electrónica. Non respondo a ningún tipo de estereotipo. Encántame Janis Joplin, o primeiro disco de Björk... Gústame o que me emociona.
P. A renovación estética do folk galego vai un pouco por tras da musical?

R. Normalmente a práctica vai por diante da teoría. Non lle fago moito caso á crítica musical, pero si penso que houbo unha revolución grandísima das pandereteiras. O mundo da muller valorado como música e como parte fundamental da transmisión oral. A revolta afecta tamén aos conceptos.

P. Os grupos de pandereteiras aínda se empezaron a dignificar hai pouco.

R. Nas aldeas sempre houbo máis pandereteiras que gaiteiros. En gaita estamos bastante peor. Todo suma, nada elimina, pero os nosos gaiteiros veñen das escolas; algunhas tradicionalistas, pero son moi poucas, é unha mágoa... Para que sobrevivan ten que haber unha relación co baile. Necesitamos que aquí se poña un gaiteiro a tocar e nós a bailar como trastornados... Ou coller eu o acordeón, en troques da gaita.

P. Pesou demasiado o celtismo na evolución do folk?

R. A min non, non teño problemas con iso. Son etiquetas. O problema é dos festivais que se encadraron aí, pero xa se están abrindo. A Ortigueira tiñan que levar a Dios Ke Te Crew... En xeral, o que hai que facer é programar ben. Unha profesión bonita pero moi dura.

P. Non hai camiño que andar ata normalizar a relación do folk coas outras músicas galegas?

R. En Andalucía iso nin se pregunta. Unha persoa do jazz mestúrase cunha do flamenco, pero beben da mesma fonte. Aquí necesitamos pandereteiras, compositores... Compoñer desde a nosa tradición, e vaite para o eido que queiras. Calquera que fai música pop, xitana ou alxeriana, non necesita mesturar texturas. Mestúrase o que está morto, pero isto está vivo.
________

Enlace co texto orixinal
_________